Thursday 18 de April de 2024

A Xunta celebra a entrega da Compostela 100.000 e mantén a previsión de pechar este ano por riba dos 140.000 peregrinos


― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, recibiu a Jorge Manuel Domingues Gonçalves, que chegou a Santiago a través do Camiño Portugués, e invitouno a repetir a experiencia e volver a camiñar a Galicia neste Xacobeo 21-22

― Alfonso Rueda constatou a progresiva reactivación do Camiño e da afluencia turística grazas ás medidas para ofrecer Galicia como un destino seguro e de calidade

― A Xunta agarda manter as boas cifras nos próximos meses e continuar nesta liña no 2022 e que o Xacobeo remate de despegar coa recuperación do turismo internacional

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, recibiu hoxe no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino a Jorge Manuel Domingues Gonçalves, natural da localidade portuguesa de Aveiro, ao que o coéngo delegado de Peregrinacións, Segundo Pérez, lle entregou a Compostela que o acredita como peregrino 100.000 deste 2021 logo de percorrer co seu fillo o Camiño Portugués. Ademais de polo vicepresidente primeiro tamén foi recibido pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Jorge Manuel Domingues Gonçalves xa fixo en máis ocasións o Camiño, neste caso a ruta do Camiño Portugués, a segunda máis escollida entre os peregrinos despois do Francés. Este itinerario concentra a cuarta parte do total de peregrinos con máis de 22.000 persoas no que vai de ano entre as súas dúas variantes, esta do interior e a da Costa.

Alfonso Rueda saudou a chegada do peregrino a Santiago e constatou a progresiva recuperación do Camiño coa previsión de superar as 140.000 Compostelas neste ano e de que o número total de peregrinos se sitúe mesmo un 30% por riba desa cifra, tendo en conta que moitos fan o Camiño sen selar a credencial. Ademais, se neste ano máis do 70% proceden doutras comunidades, confía en que en 2022 o Xacobeo remate de despegar coa recuperación do turismo internacional e coa chegada de peregrinos doutros países, sempre no marco da prudencia segundo a evolución e as medidas ante a covid-19.

No mes de agosto contabilizáronse máis de 43.500 peregrinos, case a metade dos chegados en todo o ano e un 30% máis que os 34.000 rexistrados en xullo. De feito, nove de cada dez chegaron nos últimos tres meses, xa que no primeiro trimestre as cifras eran testemuñais con, por exemplo, 60 Compostelas entregadas en xaneiro e apenas 14 en febreiro. Nestes primeiros días de setembro xa se entregaron outro milleiro de credenciais.

O vicepresidente primeiro animou a Jorge Manuel Domingues Gonçalves a repetir a experiencia no vindeiro ano, que tamén é Xacobeo, e invitou a todos a visitar e camiñar a Galicia neste Ano Santo Dobre, onde poderán atopar un modelo de turismo tranquilo e sen masificacións en contacto coa natureza, que é o que máis se está a demandar na actualidade tras as restricións impostas pola pandemia do coronavirus.
“Tódolos Camiños, como é o caso do Portugués, están collendo un impulso importante e é unha moi boa nova chegar a esta cifra. Representades a moitos peregrinos que xa chegaron e a moitos que están por chegar. Benvidos a Galicia, moitas grazas por camiñar a Galicia e como non é a primeira vez que fai o Camiño agardamos que polo mínimo repita unha vez máis o próximo ano”, engadiu o vicepresidente primeiro.

Tamén incidiu en que os bos resultados que se están a dar tanto no Camiño como na ocupación dos aloxamentos turísticos -con un 80% máis de viaxeiros en xullo respecto a 2020 e 20 puntos por riba da media nacional en comparación con 2019- son froito do traballo levado a cabo durante a pandemia para ofrecer Galicia como un destino seguro e de calidade.

Así, destacou o apoio da Xunta ao sector turístico, a posta en marcha de iniciativas pioneiras para recuperar a confianza do viaxeiro como o seguro coronavirus ou a promoción a través da campaña Camiña a Galicia para reforzar a imaxe de Galicia como destino seguro e de calidade cun Camiño Seguro.